DESCUBRE

Por: | Etiquetas:: , , | Comentarios: 0 | mayo 2nd, 2017

O pasado 18 de abril APEM Cee puxo en marcha a primeira sesión do programa Descubre, e para iso dúas profesionais de APEM desprazáronse ao instituto Pedra da Aguia  en Ponte do Porto (Camariñas).

O programa Descubre é organizado pola confederación española de saúde mental e impártese coa finalidade de previr a aparición de problemas de saúde mental e adiccións xente moza. Ofrécese unha información actualizada e non sesgada orientada á prevención do consumo de drogas e a concienciación sobre a importante relación que existe entre a saúde mental e o consumo de tóxicos. Dito programa está destinado tanto ao alumnado como ao equipo docente.

A primeira sesión, como se mencionou anteriormente, foi  o pasado martes, na cal se proporciona información sobre o que é a enfermidade mental e cales son as máis frecuentes. Explícase de forma interactiva o que é a depresión, esquizofrenia, trastorno bipolar, trastornos da alimentación etc. Os alumnos tiveron a oportunidade de facer todo tipo de preguntas e resolver calquer dúbida que puidera xurdir, sendo unha das máis comúns “se o Síndrome de Down e o Alzheimer  son unha enfermidade mental”.

Ademais, fíxose referencia a importancia de non consumir drogas para promover a nosa saúde mental.

Na seguinte sesión falarase dos distintos tipos de drogas e dos efectos que teñen no noso corpo, xa que unha gran maioría das persoas que as consumen non son conscientes nin están informadas dos efectos devastadores que estas teñen no noso corpo e na nosa saúde mental.

Outro obxectivo claro do programa Descubre é a sensibilización, dar a coñecer o que é a enfermidade mental e romper con calquer prexuízo ou estigma que poida haber cara as persoas con psicopatoloxías. Para iso presentámoslle aos alumnos o que é APEM e convidámolos a todos a visitarnos. Do mesmo xeito, convidamos a todos os lectores desta noticia a visitar APEM e coñecer tódalas actividades que levamos a cabo, ver en primeira persoa como a gran familia APEM traballa, e, ao mesmo tempo,  romper cos estereotipos e ideas preconcibidas sobre a enfermidade mental.

DESCUBRE